Os escolares de Melide reciben o poemario infantil «O que ben che quer», de Álvarez BlázquezOs escolares de Melide reciben o poemario infantil «O que ben che quer», de Álvarez Blázquez
Os escolares foron os primeiros en participar na semana cultural programada polo Concello de Melide con motivo do Día das Letras Galegas. A alcaldesa, Socorro Cea, a concelleira do ramo, Conchi Catro, e a encargada da biblioteca municipal, Ánxela López, repartiron onte entre o alumnado dos tres colexios da vila exemplares da obra O que ben che quer, da que o Concello adquiriu catrocentas copias.
É un poemario infantil de Xosé María Álvarez Blázquez, autor ao que se homenaxeará o vindeiro día 17. A obra serviu de base de traballo para os diferentes obradoiros que, ao longo de todo o día, impartiron entre os escolares melidenses membros da editora OQO.
Baixo o selo desa firma saíu á rúa o libro co que se agasallou ós cativos, e que hoxe ás oito tarde se presentará no consistorio de Melide da man de dous fillos do autor homexeado: Xosé María e Berta Álvarez Cáccamo, autora das ilustracións do poemario, e do cartel editado polo Concello para anunciar a programación do Día das Letras. Esta preséntase como Semana das Letras e das Artes de Melide e inclúe, así mesmo, unha exposición sobre a vida e a obra de Álvarez Blázquez. A través de vinte paneis, instalados na planta baixa da casa consistorial, repásase os trazos máis importantes da traxectoria do polifacético escritor de Tui.
De xeito paralelo, no edificio multiusos está aberta ao público unha mostra sobre o álbum ilustrado, na que se fai un percorrido por esa manifestación artística a través do traballo da editora OQO, galardoada cos máis prestixiosos premios da literatura infantil.
Tamén co gallo do Día das Letras Galegas, celebrarase unha charla sobre a evolución e a importancia da tradición oral dentro cultura galega.
A coñecida escritora Eva Mejuto será a encargada de impartir a conferencia, dirixida, especialmente, a pais e nais, mestres e bibliotecarios. Será o vindeiro xoves, a partires das seis da tarde, nas biblioteca municipal melidense.
FONTE: La Voz de Galicia


